Poema antifascista de Rochi Nóvoa
Divulgamos o poema da Rochi Nóvoa, escrito para a homenagem antifascista do Val do Límia, recitado 14 de setembro na curva de Fontaboa.
A dó, sempre cumpre o que promete
Ninguén lembra xa que elas pasaron
cunha luz, cunha dor e un soño
por un tempo amargo…
Ninguén se lembra que tiñan
cheos de amor os ollos e os beizos;
Os traidores
apareceron como un berro de verán
no silencio da noite escura,
premendo as gargantas,
atando as mans,
ciscando a cinza nos ollos,
sementaron a morte
no nome dunha patria
aqueles que disparaban por detrás.
Encheron de cadáveres as cunetas e montes
Fila tras fila con estrita impunidade
non deixaron nin lápidas para por os seus nomes.
O vento zoa con recordos,
As feridas aínda abertas gabean polas follas
Dunha historia que tentou suprimir as da nosa estirpe
É tempo de facer escrutinio.
Non vimos hoxe aquí cheas de raiba e furia
Nin a agochar as cabezas com conmemorativa pena
Máis ben toca encher os peitos de orgullo
E de amosar respecto.
Somos as netas das carapuchiñas que enfadaron ao lobo
O amor ardendo, froito do sufrimento
Somos lilas, terra de chuvia marcadas en negro
Xa choramos moita sangue polos poros, sobra
A media luz rematou o silencio.
Somos as mans facendo un túnel
Dende o chan ata as nubes
Somos tesouras contra a burocracia
Somos a rocha que ergue a placa.
Principio da historia, nunca contada
Somos a forza, as crebacabezas
dos que nos queren ter caladas
Somos o pranto e a gargallada
Somos todo, cando eramos nada.
Somos as netas das labregas
Que non puideron esterilizar
É o que pasa cando se corta de raíz
A semente espalla.
Somos a disidencia que sae á luz
O outono mais colorido
a escola multiplicada
que quere deixar pegada.