Poema “A loita continúa”

Divulgamos o poema “A loita continúa”, adatado por Claudio Rodriguez Fer para a homenagem antifascista do Val do Límia, recitado a duas vozes com Carmen Blanco.

A LOITA CONTINÚA
Dende o cerebro do primeiro homínido
que tivo conciencia solidaria
cando viu en perigo a outro ser vivo
e tratou de socorrelo,
a loita continúa.

Dende a teoría e a práctica
dunha revolución profunda
que non practique métodos
iguais aos que combate,
pola esperanza,
a loita continúa.

Dende a memoria da licenciada e arquiveira
Juana Capdevielle, esposa do gobernador
republicano Francisco Pérez Carballo,
e da mestra Mercedes Romero Abella,
esposa do socialista Francisco Mazariegos,
que en 1936 foron secuestradas na Coruña,
tras ser fusilados os seus homes,
e apareceron asasinadas
nunha cuneta da España de Franco,
contra a barbarie,
a loita continúa,

Dende a memoria do editor Ánxel Casal,
alcalde galeguista de Santiago de Compostela,
detido nunha aldea de Arzúa
e paseado nunha virada de Cacheiras,
que algún día florecerá cos libros
queimados e nonnatos,
contra a incultura,
a loita continúa.

Dende a memoria da familia socialista Bilbatúa
e da familia comunista Araújo Conde
(un membro da cal apareceu paseado
coa lingua cortada e metida nun peto),
dezmadas nos masacres de Vigo
que inzaron de sangue o Cabo Silleiro,
o cemiterio de Cabral e a curva de Puxeiros,
contra a intolerancia,
a loita continúa.

Dende a memoria de Alexandre Bóveda,
fusilado no alto da fraga da Caeira,
e que antes de morrer escribiu
que soamente “Quixen facer ben,
traballei por Pontevedra, por Galicia e pola República”
e que o condenaba “o trabucado xuízo dos homes
(que eu perdoo e todos debedes perdoar)”,
contra a violencia,
a loita continúa.

Dende a memoria da familia exterminada
do comunista Benigno Álvarez,
ou da conciencia de Marcial Valente,
un dereitista cristián que se negou
a participar nas sacas e paseos de Ourense,
polo que foi detido e arrestado,
pero a quen nunca se puido encarcerar
a xerminal poesía da dignidade
que había de agromar nun fillo seu,
contra a represión,
a loita continúa.

Dende a memoria do albanel anarquista
Luís Souto Neira,
mutilado e asasinado en Lugo,
ou do médico masón Rafael de Vega Barrera,
acusado pola envexa
e fusilado polo terrorismo de estado,
contra a insidia,
a loita continúa.

Dende a memoria das mulleres e homes
asasinados na matanza de Montecubeiro
e nos masacres da Guarda e de Tui,
que encheron de sangue toda a terra
entre a montaña e o mar,
ou na redada Brandariz, tramada para acabar
cos círculos ácratas da Galicia libertaria,
contra o odio,
a loita continúa.

Dende a memoria dos fuxidos
polos montes e polos mares
e dos agachados
nos tobos clandestinos
que se opuxeron á tiranía,
e que caeron acosados,
contra a opresión,
a loita continúa.

Dende a memoria dos obreiros
Amador Rey e Daniel Niebla,
abatidos a balazos
pola policía franquista
cando reclamaban melloras salariais
no Ferrol do patrón da patronal,
contra a inxustiza,
a loita continúa.

Dende a memoria de cada acto
de guerra e de posguerra,
de tortura, de censura,
de depuración, de exilio,
de humillación e de esquecemento
padecidos polos que sufriron,
sufrimos e sufrirán aínda o mal
de mil novecentos trinta e seis,
a loita continúa.

Dende a memoria do meu pai,
o meu mellor amigo e camarada,
amasado na bondade natural dos inocentes
e no máis xeneroso humanismo proletario
forxado nos malditos cárceres de Franco
e na firme dignidade de vivir incorruptible
noventa e catro anos dende a mesma fronte,
por suposto popular.
Querendo saber ser o seu fillo
xa dende a libre republiquiña da infancia
que foi a nosa casa resistente,
a loita continúa.

Dende o meu compromiso adolescente,
dende aquela loitiña clandestina,
dende esta mesma caluga aporreada,
dende todas as folgas malgastadas,
dende tanta manifestación desfeita,
dende aquelas pancartas mal aviadas,
dende os meus escritos censurados,
dende aquela xuventude derramada
coa que sigo concordando como sempre,
a loita continúa.

Dende a poesía para a vida,
dende o estudo polo coñecemento,
dende a memoria contra a morte,
dende o triplo compromiso do erotismo,
da investigación e da lembranza,
presente, futuro e máis pasado
no que entreguei e entrego o meu corpo
pensante e a paixón da miña mente,
sempre, polos tres amores,
a loita continúa.

Dende a libre unión en unión libre
por un mundo integral e multiétnico
en avanzada aberta, radical e libertaria,
con raíces, porque as temos,
pero sen fronteiras, porque non as queremos,
e polo diálogo das persoas e das ideas,
das artes e das ciencias de vangarda,
da recuperación viva da memoria morta,
coa paz como único camiño e co amor
como único vehículo, se non cambiando o mundo,
impedindo polo menos que o mundo que non cambia
non nos cambie a nós a vidiña liberada,
a loita continúa.

Polo clamor por vintecinco cidadáns
libres e inmolados por aquí e por acolá,
que son cincuenta fillos con máis de mil irmáns,
chantados no pasado e no porvir,
e unanimemente ergueitos e compactos,
como o granito dun menhir no val do Limia,
a loita continúa.

Porque dende o libre amor que vos teño
a loita continúa, compañeiras, a loita continúa,
e dende o libre amor que vos desexo,
a loita continúa, compañeiros, a loita continúa;
porque precisamente AMAMOS e LEMBRAMOS,
porque precisamente QUEREMOS,
a loita continúa.

A loita continúa!

Setembro 23, 2019