Discurso de Davide Pérez de benvida e apertura do acto de inauguración do monólito adicado ás vítimas do fascismo do Val do Limia
Estimadas amigas, amigos, veciñas, veciños, artistas e familiares das vítimas da represión, fuxida ou exilio dos milleiros de vilipendiados polo réxime terrorista e sanguinario de Franco, BENVIDAS TODAS E TODOS.
Hoxe é un día no que imos tratar de dignificar ás vítimas. Un día histórico no que todos imos participar conxuntamente.
O acto proseguirá seguindo o patrón establecido coa actuación dos diferentes artistas, músicos, poetas, poetisas e familiares das vítimas. O meu papel hoxe é irvos guiando nesta solemne inauguración.
Como o programa é intenso, antes de deixarvos coa interpretación de dúas pezas polo grupo de pandereteiras “As da Chispa”, acompañadas de gaiteiro e acordeonista, Carlos da Aira e Xosé Luis Freire, só quería comunicarvos dúas cousas.
A primeira: é que unha das razóns fundamentais polas que estou aquí, é por ver chorar á miña avoa durante tantos anos polo asasinato do ser irmau unha vez rematada a contenda. Benito Feijóo Fernández, fillo do meu visabó, José, ambos xente de ben e agraristas. José tívose que esconder nunha rebulleira do río Cadós días para salvar o pelexo; e Benito, unha vez rematado o golpe fascista, onde apoiou ao bando republicano en Barcelona, foi detido na dilixencia que viña de Ourense a Bande por informe do cura de Negueiroá á altura de Celanova. O seu corpo non apareceu máis.
Tamen ten parte de culpa dous veciños de Negueiroá: Lisardo, cuxo relato dos asasinato con metralla oxidada da curva de Fontaboa me impactou tanto, que moveu as entrañas da miña conciencia. E tamén Carmen da Aira, muller dura e moderna, cunha mente prodixiosa que nos deleitou con intermibles historias de antano.
A segunda razón é que os efectos do Franquismo e Postfranquismo, devastaron o Val do Limia. Primeiro foron os asasinatos dos veciños desarmados de a pe, comanditados polo Fragueira e os seus acólitos falanxistas instalados nos seu cuarteliño de Bande. Depois foi a represión, o exilio, o estragamento das terras máis fértis do Val, coa construción da presas de As Conchas, Salas e Lindoso; logo a incitación á emigración, de seguido a proliferación de mini-centrais eléctricas e agora, o desmantelamento progresivo dos servizos públicos da comarca e o abandono absoluto das nosas aldeas e vilas.
Esto conleva á depresión post-traumática de estar vendo a desfeita e ollar impotentes como nos converten nunha das comarcas máis envellecidas de Europa.
Por iso, vos quero transmitir, que se a calquera dos que estades aquí ou a alguén que coñezades; vos queda unha soa freba no corpo, portadora dunha miínima capacidade de resposta ou de loita, non dubidedes en empregala en recuperar a dignidade desta comarca aflixida e maltratada historicamente.
As reflexións do día despois dinme que estamos inmensamente agradecidos a todas e todos por participar. Cada día estou máis namorado da comarca. É un orgullo ser da terra bañada polos cristalinos ríos que nacen no Xurés e Leboreiro. O próximo reto é salvar o Limia.