Juan Manuel Álvarez Álvarez

JUAN MANUEL ÁLVAREZ ÁLVAREZ “NOCHES”🚩
Ha 85 anos foi assassinado polo sicariato falangista.
O “Noches”, labrego de 62 anos, vizinho de Nigueiroá, foi a primeira vítima do fascismo no Val do Límia.
Foi executado polas brutais bandas falangistas de Bande, entre Xordos e Nigueiroá, à beira do rego do Caunho, no ponto quilométrico 2,250 da atual OU-1201.
Todas as fontes orais consultadas confirmam que concretamente foi assassinado por Juan Pedro Recouso Varela.
Desde o 14 de setembro de 2019 o seu nome encabeça o monólito inaugurado na curva de Fontaboa.
O VAL DO LÍMIA NOM ESQUECE NEM PERDOA!
                                                                                                                                   * * *
“Cando estalou a guerra, nós, o Pancho e o Noches e o tío Manuel da Cal de Nigueiroá, sabiamos, porque o Pancho, había unha muller nos Chaos, que o marido era sarxento no cuartel de zapadores de eiquí de Ourense, e entón ela falou, dixo: o meu home díxome, que van dar un golpe de estado, e que van matar a Manoliño Suárez, que era o alcalde republicano de eiquí, que era moi amigo meu, […] e entón, cando nós soubemos iso, dixo o Pncho: ben, vamos ir a ver ó gobernador, ó Manoliño, avisarlles o que pasa.
Entón viñemos, foi o Pancho, foi o tío Manolo da Cal, foi o Noches, o Xosé da Remilxina e eu. E viñemos eiquí e dixésmoslle, ó Manoliño: Manoliño, van a matalos, porque estaba o Faustino Santalices, era o secretario do gobernador, e estaba de acordo con eles, anque despois, pois díxome aquí un periodista que é amigo noso, que se portou moi ben, despois, pero el estaba coa xente, cos fascistas, e entón fomos a ver ó gobernador, e dixémoslle: mira, nós temos moita xente, porque eu xuntaba xente de Barxés, de Garabelos, de Nigueiroá, de Soutelo e todo, e tiñamos, di: a nós o que nos fai falta son armas, se nos dan armas, aiquí, Ourense non cae en poder dos fascistas, nós atacamos, porque temos certos coñecementos, e tiñamos xente que estivera no exército.
Pero o Manoliño só dixo: eu non podo faguer nada, porque, eu son o alcalde, o que pode faguelo é eiquí o señor gobernador, eiquí en Ourense, na rúa Progreso, ó lado do bispado, a casa que está máis abaixo, alí, no primeiro piso. E entón dixo, o gobernador: eu teño ordes de non entregar nin somente unha arma. E dixemos: ben, pois entón imos amolados. Di: eu vou faguer, seguir faguendo xestións con Casares Quiroga, que era o presidente do goberno, que era galego, dixo: vou seguir con el, para que me autorice, se el me autoriza a darlle armas, eu entrégollas.
Dixemos; nós esperamos, e eu estou en Nigueiroá, e calquera cousa, porque entón non había teléfono, pasaba unha liña, para Portugal, pero non traballaba, estaba cortada. O caso foi, que estivemos esperando, eu dei unhas reunións elí nun muiño escondido, e alí, o muiño era do Noches, do pai da Obsulia, abaixo de onde vivía o Porticela Vello, da Pombeira, abaixo do muiño do Noches, pero do lado das Maus.
E entón alí escondidos estivemos falando e todo, e entón vai, e veo o Xosé da … Rexina, e dixo: eu teño un trabuco, un trabuco é unha cousa vella, e dixésmoslle: carai, ó menos é algo. E entón, pero, que fixemos? Dixemos. Ben, nós non podemos atacar a Bande, si, porque en Bande está o S., o S. R., o C., eran os gardas civís, o S. era un sarxento, e alí, onde está actualmente, máis abaixo do Trébol, do lado da dereita alí estaba o cuartel da Garda Civil, e nós dixemos: Nós rodeámolos eí, e non o deixamos saír, pero temos que ter con qué.
[…]
… veu, o Benito do Noches, e veu elí a vernos. E dixo: e como o soubeches? Di: non, porque, ti dixéchelle ó tío Emilio que avisara ó meu pai. Si, pero, díxenlle: avisa ó teu pai, que para o monte, para o monte enseguida. Entón dime él: ben, o meu pai sabes o que me dixo? Dixen: que che dixo? Di: o meu pai dixo que el non matou a ninguén, non roubou a ninguén, e coómo lle van a faguer a el …?
Díxenlle: dille ó teu pai, que é un burro. Díxenlle: ainda tes tempo. Dixen: a quen lle roubei eu algo? A quen lle roubou o Gumersindo? A quen lle roubou a xente? A quen lle mataron? Nós non matamos nin roubamos a ninguén. Di: vai e dille ó teu pai que se vaia para o monte, pero eixiña. Foi el, e dixo: o meu pai non quere ir.
[…] eles tiñan pistolas e todo, porque os fascistas, a xente de diñeiro, de Bande e de Celanova, pagábanlle dez pesetas diarias, que entón era moito diñeiro […]
Ven outra vez, o Benito do Noches, di: que?, xa lle dixeches ó teu pai para o monte? Dixo o meu pai, que alá ti que fagas o que queiras pero que el non foxe porque el vai á misa, el é un home honrado, un home traballador. E dixen: pois mira, date présa. Isto sería como ás oito da mañá, date présa, pero rápido, e dille ó teu pai, que é tremendo burro, que se esconda, e que espere. Di: se non o mataron xa. Cando ele estaba falando comigo os F. levárono para matalo, que o mataron alí entre Nigueiroá e Xordos, ali en Fontaboa, arriba na Corga, na terra nosa da Corga, que hai unha boca, ali foi onde o mataron.
E viuna o carteiriño, de Nigueiroá, que se casou despois en Xordos, o Xosé, o carteiriño era pequeniño, foi polos ramos escondido, e viu cómo o mataban e todo […].
[Transcriçom das conversas de Pepín Alemany com Emilio Araúxo, publicadas em “Camiñando”, livro editado em junho de 2021 por Amastra-N-Gallar].
Xullo 29, 2021