Victor García “O Brasileiro”. Proletario do corpo e da intelixencia

Agradecemos a amabilidade de Víctor García Fernández por permitir a difusom do evocador texto sobre o seu pai, publicado no jornal Nos Diario, o dia 22 de dezembro.

A figura do “Brasileiro” é determinante para abordarmos a resistência antifascista no Val do Límia entre 1939 e 1943.

Como comandante-em-chefe da unidade guerrilheira que operou na nossa comarca, com base de retaguarda em Castro Laboreiro, cumpre divulgar quem foi. Mas também seguir investigando para elaborarmos umha biografia integral do revolucionario asturiano que tam bem conhecia estas terras do sul da Gallaecia central.

VÍCTOR GARCÍA ´´O BRASILEIRO´´. PROLETARIO DO CORPO E DA INTELIXENCIA

Os primeiros contactos de Víctor García García co actividade política producíronse na cidade brasileira de Santos a onde emigrou coa súa familia desde Asturias en 1924. Após unha militancia inicial nas filas do movemento anarquista, non tardou en adherirse ao por aquel entón ilegal partido comunista, exercendo a secretaría de organización das mocidades na súa localidade de residencia. Contábel de profesión, xogou un papel decisivo no impulso ao sindicato da construción de Santos, desenvolvéndose como secretario do mesmo e membro da dirección local da Federación Sindical, integrada na Confederación Operaria Brasileira.

O seu activismo non tardou en convertelo nun cadro político significado e nun obxectivo da policía do presidente Getulio Vargas. Á volta de abril de 1932, nun acto en homenaxe a Sacco e Vanzetti, onde tomaron a palabra  Elza Patricia Galavao “Pagu” e María Ferreira, foi ferido pola balas da policía e posteriormente confinado no presidio da Illa de Porcos. Fuxido deste cárcere, pasa de novo á clandestinidade, sendo detido ao pouco tempo en Río de Xaneiro, sendo duramente torturado, até arrancarlle as uñas das mans e dos pes, procedendo as autoridades en novembro de 1933 a expulsalo de Brasil pola súa militancia política.

A revolución de outubro de 1934 colle a Víctor en Asturias como secretario de organización da xuventude comunista e secretario do sindicato da edificación da UGT de Oviedo. Meses antes impulsara e dirixira a potente folga da construción e nos primeiros momentos da insurrección fai parte do “Comité do Norte”, fuxindo a Cantabria tras o seu fracaso. Detido a mediados de outubro, pasa polo barco-prisión Alfonso Pérez de Santander, o Penal do Dueso en Santoña, a fortaleza de San Cristobal en Iruña, o cárcere de Oviedo e a prisión central de Burgos, saíndo en liberdade o 18 de xaneiro de 1936.

COMISARIO POLÍTICO DO EXÉRCITO POPULAR

Víctor García, coñecido como “O Brasileiro” desde o seu retorno de Brasil, vai participar durante a Guerra Civil nalgúns dos combates máis significados da Fronte Norte e de Catalunya. Xefe de milicias de Oviedo en xullo de 1936, comisario de brigada pola Academia de Comisarios de Guerra de Santander, como comisario do batallón “Sangre de Octubre”, participa en diversas ofensivas contra Oviedo, sendo desprazado en xuño de 1937 a Bizkaia para defender Bilbo e dirixindo posteriormente o batallón Victor, fundando polo mando republicano en recoñecemento aos seus méritos como combatente e estratego.

A última parte do conflito bélico vaino pasar en Catalunya e Aragón. Integrante como comisario político da 43 división do X corpo do exército popular mandado por Antonio Beltrán Casaña “L’esquinazau”, participa en diversas batallas na zona dos Pirineos, do Ebro ou da serra de Cavalls en Tarragona. O remate da contenda levouno a asumir novas responsabilidades políticas, neste caso en Portugal, onde foi traslado en 1939 como delegado da III Internacional.

A traxectoria militante do “Brasileiro” en Portugal foi obxecto de estudo por diversos investigadores. Así, José Pacheco Pereira na súa biografía de Alvaro Cunhal sinala que “no ano 1939 chegou a Portugal Victor García. Adoptou os falsos nomes de Antonio, Manuel, Antonio Ortiz  Risso, e alcumes “Brasileiro” “Estanillo”, “Dente d’ ouro”… Facíase pasar por cidadán portugués e tiña a súa base de actuación clandestina no Porto”. Na mesma liña, destaca que “o seu obxectivo: conectar con  Codovila “Luís” e crear en Portugal unha base de loita antifranquista, sen implicarse nos problemas deste país” e lembra que “logrou puntos de apoio estratéxicos para a súa autoridade clandestina nos pobos fronteirizos portugueses-españois: Castro Laboreiro, Ribeiro de  Baixo, Ribeiro de Cima, Assureira e Laboreiro (Ourense)”·

Pacheco significa que “para  fuxir do asedio das forzas represivas salazaristas concentrou a súa actividade na zona fronteiriza luso-galaica, entrando en contacto con Quiñones na dirección do P. C.E en Madrid”. Ao tempo, documenta que “O “Brasileiro” en conivencia cos servizos secretos ingleses e americanos creou unha liña de fuga para os aliados a través de España en dirección a Portugal, xeralmente en barcos que partiron do Porto. Este acordo permitiu a evasión semanal de dúas a tres persoas finalizando coa invasión aliada de Normandía”.

A GUERRILLA DA RAIA SECA

O investigador Román Alonso Santos no seu volume Saltando a Raia. Guerrilla republicana no suroeste Ourensán (1939-1943), lembra que “durante o ano 1939 chegou a Castro Laboreiro un personaxe chamado “Manolo”. Os habitantes da comarca alcumárona “ Dente d’ Ouro” por ser visíbel na súa boca un dente con cuberta dese metal”. Na mesma dirección, recorda como “Manolo” (Victor García) propuxo aos refuxiados protexerse e axudarse mutuamente porque non estaban ocultos por bandoleiros, senón pola súa ideoloxía de esquerdas e amor á república”.  Na mesma publicación, describe o enfrontamento armado do “Brasileiro” en maio de 1943 “cun garda fiscal chamado Carlos que tentou detelo”.

O historiador arraiano Américo Rodrigues no seu traballo Refugiados e guerrilheiros antifranquistas en Castro Laboreiro afirma que “moi importante na loita contra a ditadura de Franco recentemente instaurada foi a creación da primeira guerrilla galega por Manolo “Dente d’ Ouro” en Castro-Laboreiro”. Algúns dos membros da mesma foron Rosario Rodríguez, Gabriel Hernández González “O  Barbeiro”, José Rodríguez Páramo, Claudio Pousa Pinza, Ramón  Yanez “Enrique O Médico”, Saturnino Derriba Rodriguez, de Lugo ou José  Fernández “O Rizo”. Segundo Rodrigues, “dependían nas decisións e accións de combate de Manolo. Os asaltos planificados por “Dente d’ Ouro eran ideolóxicos. Trataban de castigar aos simpatizantes de dereitas e provocar axitacións, inquietudes e nerviosismo ás forzas represoras franquistas”.

A actuación política do “Brasileiro” centrouse na Galiza a partir de 1943. Á volta da primavera dese ano foi elixido secretario xeral do PC galego nun congreso celebrado nas minas de Fontao en Silleda, após un proceso de reorganización onde contactou con comunistas presos nalgúns dos destacamentos penais existentes, antigos militantes sen ligazón co partido e grupos dispersos polo país. García foi acompañado nesta nova xeira do comunismo na Galiza por un equipo de dirección do que fixeron parte Teofilo Fernández , tamén asasinado con Víctor García, Isidro Díaz, Belarmino Álvarez e José Cerberó.

SECRETARIO XERAL DO PC NA GALIZA

O traballo desta nova dirección estivo dirixido á creación e organización dunha estrutura de combate para enfrontar ao fascismo. Neste sentido, destacou a súa política de formación e impulso a iniciativas plurais, destacando neste camiño a constitución da sección galega da Unión Nacional, que á volta de 1944 contou con comités activos en Vigo, Ferrol, A Coruña, Compostela, Lugo e Ourense. Ao tempo, impulsou a formación da organización xuvenil da formación e dotou ao PC dunha estrutura de dirección centralizada con sede en Vigo, a onde se desprazaron a vivir o seu fillo e a súa muller, Angeles Fernández Roces “Gelines”, comunista, miliciana, represaliada e cuxa historia recolleu Montse Fajardo no seu libro Un cesto de mazas.

A etapa do “Brasileiro” como máximo responsábel do PC na Galiza coincidiu cun período de forte persecución policial. Por exemplo, en maio de 1944 a organización comunista sufriu un duro golpe por unha delación, sendo localizada o 13 de xuño unha vivenda na zona de San Xoán do Monte onde residía en Vigo. Nesta caída, atoparon na súa vivenda diverso material para elaboración de propaganda e foi detido un dos seus máis fieis colaboradores, Tino Posada.

A tentativa de invasión do Val de Arán (Catalunya) en outubro de 1944, onde “O Brasileiro” estivo presente polo seu coñecemento da zona, abriu un novo tempo político no partido e significou a chegada ao cumio de dirección de Santiago Carrilllo. Este modificou a liña da organización e iniciou un proceso de persecución contra un grupo de militantes que non consideraba fieis as súas decisións, condenando, aos máis afortunados, a ser expulsados do partido e ao resto a ser eliminados. A Víctor García “premiouno” con ambas opcións, enviando en outono de 1946 a tres homes da súa confianza a Galiza para realizar esa labor.

O ASASINATO DE VÍCTOR GARCÍA

Un solpor a comezos do ano 1948 chamaron á porta da nosa humilde casa familiar no barrio vigués do Calvario e un home descoñecido comunicoulle a miña nai o asasinato de Victor. Noite dramática que encheu de dor á idade de seis anos os sentimentos de amor cara ao meu pai. Ao seguinte día partimos para Asturias, abandonando con gran pesar a casa onde fora feliz cos meus pais durante dous anos e que aínda persiste gravada na miña mente, con recordos felices de reencontros co meu pai e Teófilo, e cos xogos.

Transcorreron anos de silencio, non de esquecemento do “Brasileiro” e un día, xa morta miña nai, decidinme a buscar a outra raíz que mantiña erguido a árbore da miña vida, inxectándome ideoloxía, fortaleza e espírito de traballo. Só sabía que segundo nos contou aquel mensaxeiro afastado no tempo que fora asasinado en Lalín e sempre a familia creu que ocorrera como consecuencia dun enfrontamento cos represores franquistas. Chamei a varias portas da memoria histórica sen éxito, até cun día o responsábel do grupo Histagra da Universidade de Santiago de Compostela, Gustavo Hervella García indicoume o lugar onde se achaba enterrado o meu pai na igrexa de  Moalde e púxome en contacto con Alberto Maceira  Balboa, coñecedor da historia de Victor García e persoa xenerosa.

Efectivamente, achei a miña segunda raíz con certa alegría embazada por reencontrarme cunha triste realidade. O Partido Comunista, o partido polo que tanto loitara o meu pai, con cuxa ideoloxía me aleitaron e polo que estiven detido pola policía de Franco por escribir proclamas antifascistas na Facultade de Medicina, eran os seus asasinos. O meu mundo derrubouse. A partir de aí, púxenme a buscar información que me explicara o motivo do seu asasinato e consultar bibliografía sobre o asunto.

UNHA ORDE DIRECTA DE SANTIAGO CARRILLO

O profesor Hartmut Heine escribiu que a orde de asasinar ao “Brasileiro” partiu de Santiago Carrilllo, sendo transmitida persoalmente a Gómez Gayoso cando foi nomeado secretario xeral do PC na Galiza. Pola súa banda, a historiadora Lupe Martínez sinalou que “foi condenado a morte pola propia organización comunista. Acusado de infiltrado  e de estar en contacto cos servizos aliados”.

O arquivo histórico do PCE garda numerosa documentación que sinala aos responsábeis da  morte do “Brasileiro” e explica o operativo posto en marcha para o seu asasinato. Así, en agosto de 1946, a nova dirección do PC na Galiza, encabezada por Gómez Gayoso e Antonio Seoane, sinala nun informe que “a  loita  cotra García e  o seu  grupo, a súa  liquidación  política e  física  é  nosa  maior  preocupación”. O mesmo núcleo dirixente, nun documento elaborado en abril de 1948, unha vez asasinado Víctor García afirma que “Por fin o cazamos. Este canalla que se nos escorría como unha samesuga. Logramos localizalo na comarca de Lalín. Desde alí movía os fíos de certos grupos aventureiros e desclasados”, “un provocador que nos deu moitos desgústoos” .

O xefe da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro da Galiza, Francisco Rey Balbís “Moncho” recolleu nun informe elaborado no exilio francés en 1952 que  “cando “ Foucellas” estaba por Pontevedra atopou a Rueda nunha aldea onde estaba casado e preguntoulle se sabía algo de Victor García, Rueda díxolle que sabía mesmo a casa onde paraba. “Foucellas” explicoulle que Victor García non era comunista senón  trotskista.  Victor foi eliminado por orde do Partido, isto díxomo “Julián”, nome de guerra de Antonio Seoane”. “Moncho”  remata afirmando que “Rueda despois de participar na execución do “Brasileiro” pasou á beira de “Julián” como home de toda confianza”

Victor García García “O Brasileiro”, o comunista, meu pai, asasinado polos seus camaradas o 18 de febreiro de 1948 Moalde-Silleda permaneceu durante décadas nunha fosa esquecida no adro parroquial. Ese foi o seu refuxio desde que apareceu o seu cadáver abandonado no Rio do Porto, concretamente no lugar da Costa, cuberto por follas de árbores e as “forzas vivas” procederon a enterralo nun cadaleito construído cunhas madeiras doadas por José Fuentes. Naquela mesma tumba, luce agora unha placa colocada pola súa familia e estampada nela un texto escrito por Victor e conservado durante anos pola súa muller “Gelina” que afirma que “os proletarios do corpo e da intelixencia unidos poderían engalanar o universo”. Esa é a mensaxe que me legou meu pai asasinado con só corenta anos.

 

Un pai e un avó  que segue vivo nos seus e así quero lembralo con estas palabras cheas de recordo

… No estás junto a mi cama padre,

para velar mis sueños                                                           

En ellos busco tu cara,                                                                                                                     

cara que apenas recuerdo.                                                                                                   

Busco tus juegos conmigo.                                                                                      

Busco tus sabios consejos.                                                               

Busco tus ojos, padre

para mirarme en ellos.                       

Que un criminal robó

a este niño los recuerdos.      

Por eso me duelen, padre

me duelen los que no tengo.             

Que un criminal robó

a este niño los recuerdos.                                                       

Por eso también, padre, me duelen los que conservo.

 

 

 

Decembro 27, 2021