Comité pola Memória História do Val do Límia entrevistado em “La Región”

O espertar da Baixa Limia

Laura Fernández

Eliminar calquera símbolo franquista das rúas e prazas dos concellos da Baixa Limia é unha das primeiras accións do Comité pola Memoria Histórica do Val do Limia. Un colectivo que, coa rigorosidade por bandeira, quere recuperar o pasado recente da comarca.

Recuperar unha das etapas máis importantes da historia do Val do Limia nos tempos da Segunda República, poñer encima da mesa a “brutal represión” que sufriu unha parte significativa da veciñanza por parte do Franquismo e dignificar as vítimas a través de roteiros, conferencias e publicacións son algúns dos obxectivos do Comité pola Memoria Histórica do Val do Limia que fai uns meses comezaba a súa andaina na comarca da Baixa Limia.

“Este comité debería estar montado fai moitos anos, pero por razóns políticas ninguén o levou adiante”, asegura Carlos Morais, un dos membros que lidera o grupo, conxuntamente con Pilar Javier e David Pérez.

O colectivo, que quere e ten que actuar de xeito moi rigoroso, está plantexando para este verán diferentes actividades e charlas para darse a coñecer e empezar a profundar na historia recente da comarca. Un dos primeiros traballos que queren sacar adiante céntrase na retirada e eliminación de todo tipo de simboloxía franquista.

“A lei da memoria histórica non se está cumprindo”, di Pilar Javier, a poucos metros da plaza banduense presidida por unha escultura de Eugenio Montes. “Por que temos que ter en Bande un monumento a un dos fundadores da Falange?”, apunta David Pérez, quen tamén critica a presencia dun alférez provisional no rueiro local. A capitalidade comarcal non é a única, Morais intervén para sinalar a fronteira de Lobios, “o escudo franquista preside o edificio da antiga aduana da fronteira de Portela do Homem (Lobios)”.

Unha vez teñan elaborado o censo, o remitirán as Corporacións locais para que cumpran coa Lei da Memoria Histórica “e senón, farémolo nós”, advirten.

A investigación nos arquivos oficiais e as conversas cos testemuñas da época serán o seu pan de cada día nos vindeiros meses. Morais apunta que, segundo os datos oficiais, o número de fillos do Val do Limia executados foron 13 (só unha muller), “pero fontes orais sen contrastar dixen que houbo máis mortes… haberá que mirar nos libros de defunción. Queremos averiguar a verdade do que pasou coas vítimas e tamén cos seus represores”, advirte consciente de que non será doado dada a “amnesia” imposta na dictadura e a “oposición do poder institucional, que no facilitaba ou criminaliza a quen pretende facer algo”.

Os tres protagonistas lembran como Bande, que perde habitantes dramáticamente e onde a agricultura apenas ten peso na economía local, foi noutra época sede de cinco ou seis sindicatos agrarios, tivo casa do pobo e”as concentracións de masas eran enormes, colectivamente se pensaba que se podían cambiar as cousas”. A Guerra Civil e a Dictadura “trouxeron a morte, o medo e o declive da comarca”, subliñan.

No 1936, na Baixa Limia había 22.000 habitantes, hoxe a envellecida poboación non alcanza os 7.000 veciños. “Unha parte deste despoboamento é herdanza de aquilo que se viviu”, considera Pérez, arqueólogo de profesión que fala cos seus compañeiros de que é máis doado saber o que pasou fai 2.000 anos que 80. “O medo sigue metido no corpo de forma inconsciente”, conclúe Javier.

http://www.laregion.es/articulo/baixa-limia/espertar-da-baixa-limia/20180723083609811378.html

Xullo 23, 2018