Armazéns “Gran comercio dos de Parada” de Porto Quintela
ARMAZÉNS “GRAN COMERCIO DOS DE PARADA” DE PORTO QUINTELA
Román Alonso descreve com enorme precisom o que possivelmente foi o episódio da resistência armada ao fascismo mais destacado no Val do Límia.
Em “Saltando a raia. Guerrilla republicana no suroeste ourensán (1939-1943)”, livro editado em 2016, conta o processo de preparaçom, desenvolvimento e consequências da frustrada expropriaçom contra a mais importante negócio comercial da comarca: os armazéns “Gran Comercio dos de Parada”, geridos polos irmaos Hermindo e Lisardo Castro, oriundos da aldeia de Parada de Ventosa [Moinhos].
“Estando Gabriel, Pepe do Quarto e Saturnino en Várzia Travesa, tiveron unha conversa con Manolo, Dente de Ouro e con outro individuo, que lles propuxeron participar nun atraco que estaban planificando. Nesa mesma conversa propuxeronlle a Pepe do Quarto que sinalase algunha casa adiñeirada na zona que il coñecia. Pepe contestoulles que o mellor sitio era o comercio dos Parada en Porto Quintela”.
“O día 10 de novembro de 1940 pola noite, Gabriel, Saturnino e Francisco foron guiados por Pepe do Quarto ata un monte que os dous primeiros descoñecian, próximo a Varzia Travesa. Alí confluiron con outros que xa o estaban esperando, entre seis e oito, dos que Gabriel soamente coñecía ó Rizo, quen, por súa vez, os guiara ata alí. Dos dez ou doce que conformaban a partida completa, algúns ían vestidos de militares e outros de paisanos. O Rizo e acompañantes repartironlles fusís ós catro, agás a Saturnino a quen lle deron unha escopeta de dous canóns. […] Ademais de pistolas, das escopetas e dos fusís, portaban bombas de mao de dúas clases, unha delas de tipo piña. Levaban todos cadansúa manta atravesada ás costas.
Dende alí, guiados por Pepe do Quarto, emprenderon marcha cara a Porto Quintela. Eran as 11 da noite aproximadamente e camiñaron sempre de noite. Seguirona dirección da Fraga ata as Motas, continuando por riba do pobo de Santa Cristina e da baixada do monte da Coroa. Logo de andar un bo treito, adiantaronse José, Saturnino e outro e dirixironse á casa de Gumersindo Delgado. Os demáis seguiron guiados por Francisco. Nótese o papel clave de guías que Pepe e Francisco realizan como veciños da zona. Así que chegan á casa de Gumersindo, chamouno Pepe e estiveron falando os dous a soas.
Marcharon a continuación ata onde estaban os demais. O Gumersindo, logo de falar un anaco e poñerse de acordo co Joven e con Pepe do Quarto, ausentouse. Os demais seguiron ata a carballeira, punto de referencia, que estaba entre o transformador de Porto Quintela e a capela de San Isidro. Xa eran altas horas da madrugada. Permaneceron aí ocultos ata a tardiña do día once, comendo do que levaban preparado, a base de xamón e chourizo”.
A CASA “DOS DE PARADA”
“Para describr a casa dos Parada contamos coa información achegada por Lisardo González [quem trabalhava como dependente no comércio] e por unha veciña de Porto Quintela.
O edificio do comercio era unha construcción de pedra que constaba de planta baixa e piso superior. Estaba situado entre os puntos quilométricos nº 50 e 51 da vella estrada N-540 de Ourense a Portugal, na confluencia coa ponte do poldrado, actualmente cuberta polas augas do encoro das Conchas, que unía Porto Quintela co concello de Muiños.
A fachada norte consta dunha planta baixa duns tres metros e medio de alto dedicada a comercio e dunha planta superior para vivenda. O comercio preséntase ó público con tres portas de entrada cara á estrada e con outra porta cara o oeste, que daba cara a unha praza ou toural. A distribuición espacial interior do comercio, duns 14 metros de longo por 3.5 de ancho, responde a un deseño común na zona. Consta dun mostrador central de madeira en forma de U invertida e longa que rodea a zona de clientes. Máis para dentro está o corredor dos vendedores e as catro paredes están cubertas por estantes para as mercadorías.
De acordo coa distribución máis común, entrando á esquerda sitúase a zona de ultramarinos, depois a de bazar. Na parte frontal estaría a zona de tecidos, calzado e confección. Na zona dereita sitúase un escritorio resgardado cunha cristaleira translúcida. Nos distintos tramos e parede que rodean as portas de entrada había mantas e outros artigos. No tramo medio do mostrador, algo á esquerda, hai un paso que comunica a zona de clientes coa de vendedores. Esta entrada pódese tapar cunha portiña vertical e con outra horizontal, o que permite darlle continuidade ó mostrador. Preto deste paso está a caixa de cobros. Nos estremos da parede sur dúas portas comunican cun corredor traseiro paralelo que da a dúas cociñas e outras dependencias. Nos estremos deste corredor traseiro hai escaleiras que soben ata a planta superior e portas permiten saí ó exterior”.
4 MORTES NO ASSALTO
Tal como já publicamos no mês de agosto, o balanço da operaçom de expropriaçom contra os armazéns “Gran comercio dos de Parada”, que procurava financiar a unidade guerrilheira que operava no Val do Límia, saldou-se com quatro vítimas mortais.
Dous combatentes mortos e outros dous falecidos [Hermindo Castro e Milagros, esposa de Lisardo Castro], além de diversos feridos, som o resultado do confronto armado entre a unidade guerrilheira e os comerciantes e empregados que defendérom a tiros as suas propriedades.
Posteriormente umha intensa operaçom de perseguiçom iniciou-se de imediato contra os guerrilheiros que se tinham repregado para a sua base em Castro Laboreiro.
Nos meses seguintes fôrom capturados polas forças repressivas e executados no processo de detençom.
Seis deles fôrom fusilados em Ourense após sumaríssimo julgamento militar sem garantia algumha.
Quatro deles eram vizinhos do Val do Límia:
-Francisco Domínguez, de Santa Cristina [Lobeira].
-José Fernández Alonso, de Santa Cristina [Lobeira].
-Gumersindo Delgado Gallego, de Porto Quintela [Bande].
Estes 3 fusilados em Ourense em 20 de outubro de 1941.
-José Fernández González “Rizo”, de Entrimo, fusilado em Ourense 22 de dezembro de 1942.
VALIOSO DOCUMENTO GRÁFICO
Divulgamos umha valiosa fotografia de alta qualidade dos armazéns “Gran comercio dos de Parada”.
O aroma que desprende exprime a grandiosidade desta casa comercial e as tendências da rotulaçom na publicidade da época.
Cumpre destacar o manequim feminino exposto para reclamar atençom da tránsíto rodado da N-540.
Assim como no fundo da direita pode-se contemplar a fértil veiga do rio Límia, lamentavelmente hoje desparecida baixo as águas das Conchas.
Os armazéns “Gran comercio dos de Parada” fôrom desmontados durante o processo de construçom das Conchas. Na atualidade o solar que ocupava segue vazio, ao lado da alameda de Porto Quintela, quase frente o museo de Aquis Querquennis.
Agradecemos a Miro Martinez Cerredelo a sua amabilidade por fornecer-nos este documento gráfico de enorme valor histórico.