Abilio Álvarez Portela, nom esquecemos!
Há 79 anos tivo lugar a execuçom de Abilio Álvarez Bernardo no campo de concentraçom de Mauthausen.
Vizinho de Olelas vilmente gaseado polo programa 14f13 de supremacia da raza ária do nazi-fascismo.
Como homenagem reproduzimos um artigo de Rafael Adan, sobrinho-neto de Abilio, publicado no nº 87 da revista Luzes.
Mais umha vez solicitamos ao Concelho de Entrimo que suprima os nomes de fascistas do rueiro da Terra Cham e homenageie com o nome de um espaço público a Abilio Álvarez Bernardo.
Mais umha vez solicitamos ao Concelho de Entrimo que suprima os nomes de fascistas do rueiro da Terra Cham e homenageie com o nome de um espaço público a Abilio Álvarez Bernardo.
O Val do Límia nem esquece nem perdoa!
A luita antifascista continua!
* * *
ABILIO ÁLVAREZ BERNARDO (Olelas, Entrimo 1916-Hartheim, Austria 1942)
O silencio imbúe a vida de Abilio, pero cada vez se que se descobre algo novo averdúgase un. Ao afondarnos na súa peripecia vital desde a súa Olelas natal até a súa morte, gaseado polos nazis, todo é arrepiante.
De Olelas partiu cara Catalunya e non temos referencias sobre Abilio até 1937 ao aparecer citado nunha carta de PSUC (Partit Socialista Unificat de Catalunya) de Reus e ingresar nas Brigadas Mixtas de Carabineros, despois de servir nas Milicias da República.
Crese que a comezos de 1939 formou parte do éxodo dramático e masivo cara Francia fuxindo do fascismo franquista. Aquí, suponse que estivo nun dos campos de retención do sur de Francia para os exiliados republicanos, e volvemos ter noticias de Abilio agora como integrante da 39.ª CTE (Compagnies de travailleurs étrangers).
As CTE, que dependían do exército francés, serviron á defensa nacional de Francia durante a drôle de guerre/Sitzkrieg, setembro 1939 até maio 1940, nomeadamente no reforzamento das fortificacións da Liña Maginot, e Abilio estivo traballando no departamento de Moselle.
En xuño de 1940, coa derrota do exército francés, os integrantes das CTE fican sen mandos e Abilio tenta fuxir cara Suíza, pero é capturado pola Wehrmacht o 20 de xuño na fronteira con Suíza, concretamente en Delle.
Posteriormente é internado no Frontstalag de Belfort onde permanece retido até que en xaneiro de 1941, e en menos de 15 días, percorre máis de 2000 quilómetros pola Alemaña nazi e o 27 de xaneiro de 1941, xunto con 1471 republicanos españois, chega deportado en tren ao KL Mauthausen en Austria. Así, entre o 13 e o 25 de xaneiro de 1941 Abilio estivo en dous Stalags, primeiro no de Kaisersteinbruch, no oriente de Austria e próximo a Hungría e Eslovaquia, e despois no de Fallingbostel, en Alemaña, para a seguir chegar a Mauthausen.
No KL Mauthausen, onde atoparon a morte máis de cen galegos, Abilio sobrevirá un ano como rotspanier, con pésimas condicións de “vida” e crueldade inusitada, xa que o 2 de febreiro de 1942 está rexistrada o súa morte no castelo de Hartheim, próximo a Mauthausen, gaseado dentro do programa 14f13 de supremacía da raza aria.
Toda esta vida tristemente real, así como a das demais persoas asasinadas polos nazis, non debe caer no esquecemento. Cómpre coñecermos a intrahistoria destes heroes que, como Abilio, estiveron tanto tempo no desacordo e recuperala para que sexamos quen de os honrar como o merecen. É unha inxustiza que non se saiba que en Olelas houbo unha persoa que loitou e morreu pola liberdade da que hoxe gozamos. Por el e por todos os que sufriron o horror nazi debemos seguir traballando para facerlles xustiza.